Cintaadhesiva presente no LGx15 de 2025

Cintaadhesiva

Actuación e presentación

O proxecto Cintaadhesiva parte dunha relación estreita cos diferentes usos da cinta americana, fiso, pegamento e medio, blu tack e outro tipo de sistemas de fixación e ensamblaxe, agás o loctite e demais fluídos non flexibles, e a súa faceta para unir e superpoñer sempre sobre unha base porosa e escorregadía. Disciplinas como poesía, música, videoarte e posta en escena reméndanse unhas ás outras nun espectáculo pensado para o directo, para acción (aínda que en contra desta afirmación existan varios volumes en forma de cd á venda ou de libre escoita en bandcamp), pois xorde da intención de apelar á escoita e á visión pero tamén a outras partes sensibles e sensoriais do corpo de maneira que o que se produza sexa unha «vivencia».

Ten como base os ámbitos literario e musical, xa que se trata do proxecto orixinal da poeta Silvia Penas e o músico Jesús Andrés Tejada. Unha parte importante do conxunto son textos poéticos integrados na música (non acompañados pola música). O espectáculo intercala tamén temas cantados compostos polos mesmos autores.

Cintaadhesiva é un dúo que podería inserirse no xénero coñecido como “e-poesia”: poesía con música electrónica, xa que a electrónica é a base principal das composicións de Jesús Andrés (con reminiscencias do post-rock, dream pop e ambient). En directo compoñen o grupo: Jesús Andrés (vídeo e son) e Silvia Penas (voz).

Un concerto de Cintaadhesiva é unha experiencia moi completa, de grande intensidade. Nos contidos destaca un posicionamento marcadamente feminista e unha visión crítica de diversos ámbitos do social. Unha reflexión profunda e poética acerca da vida e das formas de actuar do ser humano.

Silvia Penas

Profesora de lingua e literatura galega. Exerceu como docente e organizadora do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (Concello de Vigo), na área de “spoken word”.

Como poeta foi galardoada en diversos certames como o premio de poesía da Universidade de Vigo 2005, co poema en cinco partes intitulado “Neste bosque”. En 2007 foi premiada no certame para creadores novos da Xunta de Galicia Gzcrea, coa serie de poemas “A tiranía do des”. En 2010 publica en coautoría con Elvira Riveiro, o poemario Biografía da multitude, premio Victoriano Taibo 2009.

En abril de 2013 publica As uñas crecen, poemario gañador do certame Manuel Lueiro Rey de poesía. Tamén en 2013 publícanse As xeórxicas do pan, de Otero Pedrayo, do cal é editora.

Gañou o I Slam poetry Vigo e do Slam Arousa. Foi seleccionada para participar no Gran Slam Internacional de Barcelona que se celebrou en marzo de 2013 e participou no Poetry Slam Nacional de Madrid dese mesmo ano.

En 2015 publica Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores, co que obtivo o premio Avelina Valladares. En 2019 sae do prelo Fronteira Paraiso da Editora Urutau. E coa mesma editora dous anos despois O resto é céu, primeiro libro en lingua portuguesa da autora. En 2018 participa como actriz e co-creadora da obra de teatro Sofía e as Postsocráticas da compañía Inversa Teatro.

En 2023 publica O resto é ceo (Malafera) e Retratos de vodas, partos e funerais (Galaxia). Actualmente é membro de diversos proxectos literarios e musicais como o obradoiro infantil “Ola ríos, ola fontes”, promovido pola Área de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e o proxecto Tristecentos versos (xunto cos poetas Elvira Riveiro e Xabier Xil e a DJ Carina Posse).

Na actualidade forma parte do colectivo interdisciplinar LÍMITES corpocolectivotransfronteirizo

Jesús Andrés Tejada

Deseñador gráfico, músico e videocreador. Realizou diversos proxectos artísticos: Cía. Branca Novoneyra, Cía. Druida danza, Sulxeitos, ISGA collective, Dandylady, Cía. de danza Indio Palo, Mago Teto e o Centro Coreográfico Galego, nesta última cos espectáculos Etheria e Verde Transparente.

Escenarios internacionais: FIB Heineken, Festival Intercéltico de Lorient, Edimburgo, Liverpool, Bruxelas, Frankfurt, Londres, Munich, Marsella, Berlín, Belfast, Dublín, Helsinki, Porto, Esposende, Ponte de Lima…

Compartiu escenario con Parker & Lily, Matt Elliot, Migala, Fat Fredy, The Partisan Seed,… Formou parte do proxecto de poesía escénica Tender a Man xunto a Yolanda Castaño, Mónica de Nut, Isaac Garabatos e Branca Novoneyra. Finalista 2007 no Proxecto Demo FIB Benicassin e semifinalista en 2005 e 2006. Tamén participou en diversas formacións musicais como Patricia Moon, ISGA collective, Los Deuteronistas, Los Suizos, Gloomy House, Indio Palo…

Na actualidade participa nos proxectos COSTA ESCURA (krautrock) e CINTAADHESIVA (e-poesía). O proxecto COSTA ESCURA foi finalista nos premios NARF 2019 e no Festival de Cine de Almagro 2022.

Realizou a BSO das obras teatrais Sofía e as Postsocráticas (2018) e O Péndulo (2022) da compañía Inversa teatro. Coa creadora escénica Déborah Vukušić traballou nas pezas Guerra de identidade (2022) e 3240 (2023), onde se encargou da música e do espazo sonoro. Así mesmo participou en varias pezas de acción performativa coas creadoras e actrices María Roja, Marta Pérez e Avelina Pérez.

En 2023 traballou coa creadora e dramaturga Avelina Pérez no seu proxecto Desde ese silencio. No 2018 encargouse do contido fotográfico do poemario de Silvia Penas Fronteira Paraiso e no 2021 do poemario de Laura de Cáceres Despois da erosión. Na actualidade forma parte do colectivo interdisciplinar LÍMITES corpocolectivotransfronteirizo.

https://limites.net/cintaadhesiva.htm