Vernáculo
Chamemos as cousas polo seu nome. Disto vai a miña intervención. Dos nomes, dos nomes das cousas, da importancia de chamarse dunha maneira ou doutra, pero sobre todo… que di o noso nome de nós?
Se miras a palabra vernáculo no dicionario pon: propio do lugar ou do país do que se trata.
Con moito humor e partindo dunha anécdota persoal, irei facendo unha pequena viaxe no tempo contando unha serie peripecias e vicisitudes sobre a miña decisión de cambiar o nome.
Artur Trillo Sendón (Miñóns, Buxantes, Dumbría, 1968) é actor, director e autor teatral.
Fundador da compañía Talía teatro, na que desenvolve a maior parte dos seus proxectos teatrais.
Como actor destacan os seus proxectos Bicos con lingua, e E ti quen vés sendo? polos que acada senllos premios María Casares á mellor interpretación.
Participa en varios proxectos doutras compañías teatrais como o Centro Dramático Galego ou Teatro do Atlántico.
Como director podemos salientar os proxectos Gaivotas subterráneas e Palabras encadeadas, por este último obtén o Premio María Casares á mellor dirección.
Como autor leva a escena varios textos seus, destacando Menos lobos, Sopa de sapo, Voa, voa! e Pelos na lingua. Con Pelos na lingua, un espectáculo escrito por varios autores, acada o Premio María Casares e tamén o Premio Max das Artes Escénicas.
Por outro lado participa activamente en numerosas escolas de formación de teatro afeccionado, e dirixiu a Mostra de Teatro de Cee durante 25 anos, desde o ano 1988 ata o 2012.
Recentemente vén de ser publicado pola Editorial Galaxia o seu texto Voa, voa!
