Un bo médico ou un médico galegofalante?
Non é raro atopar na prensa escrita novas lacrimóxenas sobre traballadoras sanitarias obrigadas a abandonar algúns territorios do Estado español só porque non coñecen as linguas que alí se falan. A opinión pública española daquela alporízase: “Qué vergüenza que se tengan que ir por no saber hablar gallego/catalán/euskera, si en español te entienden todos los pacientes” e xorde a pregunta de se non será mellor ter un bo médico, fale o que fale, que ter un que fale na mesma lingua ca ti. O sentir xeral é que eses territorios perden a oportunidade de contar con profesionais excelentes polas súas ilóxicas políticas lingüísticas. Cal é a importancia, logo, da comunicación nunha consulta sanitaria? É posible a excelencia profesional no eido da saúde se non coñeces a lingua nai dos teus doentes? Podemos dicir que un médico que non te entende é un bo médico?
Son Miguel, son da Rioxa e son médico de familia. Cheguei á Galiza hai case dez anos e, como a min me gusta dicir, xa son un galego aculturado.
